Se estás estudando un ciclo superior de Administración ou de Comercio e Marketing, hai unha posibilidade que moita xente descoñece: aproveitando os módulos que dous ciclos teñen en común, podes rematar con dúas titulacións en tres anos en vez de catro.
Como funciona
Os ciclos dunha mesma familia profesional comparten boa parte dos seus módulos. Cando xa os superaches nun ciclo non tes que repetilos no outro, así que no terceiro ano só cursas os módulos propios do segundo título, xunto coa formación en empresa e o proxecto.
A orde é indiferente: podes comezar por calquera dos dous ciclos e completar despois o outro. O resultado é o mesmo, dous títulos de grao superior cun ano menos de estudos.
As combinacións posibles
- Administración e Finanzas + Asistencia á Dirección Todo o primeiro curso é común aos dous ciclos. No terceiro ano só quedan catro módulos propios.
- Comercio Internacional + Transporte e Loxística Comercio Internacional exime da parte teórica do exame de Representante Aduaneiro e Transporte e Loxística acredita a capacitación profesional de xestor/a de transporte.
- Xestión de Vendas e Espazos Comerciais + Marketing e Publicidade Nove módulos comúns entre os dous ciclos.
En cada cartel atoparás o itinerario ano a ano, os módulos comúns e os propios de cada ciclo, e as saídas profesionais de cada combinación.
E despois dos ciclos
Un título de grao superior dá acceso á universidade sen selectividade e permite o recoñecemento de créditos en graos afíns. As táboas das tres universidades galegas pódense consultar no catálogo de validacións da Consellería. Con dúas titulacións, o número de créditos recoñecidos adoita ser maior.
Outra continuación posible é un curso de especialización. No propio centro impartimos o de Posicionamento en buscadores (SEO/SEM) e comunicación en redes sociais: un curso máis, moi orientado ao mercado laboral dixital.
Para valorar o teu caso concreto —que módulos che quedarían, en que orde che convén facelo e como afecta á admisión— podes consultalo no departamento de orientación ou na secretaría do centro.

